January 17, 2010

O Frade das dúas almas

Pra poderen coller o coche do Ferrolán, que saía da vila pra Santiago de Compostela, había que sair cediño do porto, por mor das xentes que iñan pra feira e da marea. O señor cura adiantara a misa parroquial, ese domingo, unha hora antes.
A lancha do Caxón, amarrado ó peirao, carregada de xente até as mesmas tapas, embarcados os estudiantes e o Xinés, esperaban por alguén, por alguén que non acababa de chegar. As mulleres, todas, protestaban, na súa presa por marchar. Algunha dixo:
-Se conoce que os seus fillos non esperan boroa, condanado¡ Inda lle creben as pernas, enantes de chegar¡ Así engorda el, demonio¡
Outra:
-Como non ten necesidade de mercar, pois se non vende á criada é porque val menos ca un corno...¡
A compañeira do lado, que levaba un corranchiño pra vender, ameazou:
-Como vender non venda o porco por culpa del...¡
Todas:
-Anda Caxón, anda¡ Desmarra o cabo, que xa baixa a marea¡ E se quer ir, que vaia por terra, xa que ten boas patas.
Estando nestas feras discordias, vino abicar unha sombrilla polo camiño da Ribeira e todas calano coma mortas.
Cando o señor cura puxo o pé na regala, todas se ergueno, a unha, pra facerlle sitio ó seu lado.
-Tendes que perdoar -dixo- por vir un pouquerrechiño tarde. Cando saía da casa, viñénome chamar pra ver o diaño dunha vella enferma e retardeime algo.
-Non foi nada, señor cura, non foi nada¡ Pois non faltaba máis¡ Séntese señor, séntese que virá canso¡
Sentouse na popa, ó lado do patrón. Botano a vela arriba e un terraliño fresco foinos levando hastra o carreiro da Crega. Aquí pasouse a caixiña das ánimas (o primeiro en botar foi o señor cura, por estar certo de que aquel pequeno seu gran volvería multiplicado ó seu bulsillo) en lembranza dos afogados alí, cando voltara unha lancha da mesma carreira, facía xa máis de oitenta anos.
Calmado o ventiño, a vela foise arrimando ó palo, o barco a descaer, e non houbo máis remedio que enchamar os remos. A eles botano man os poucos homes que ían a bordo e as mulleres que sabían bogar. O cura, pra lles facer máis levadeiro o tempo e o traballo, escomenxou por contarlles este conto:
(..........)
Extracto de O Frade das dúas almas, Xosé Tobío Mayo. Editorial Galaxia, 2009.
Esta novela do esteirán Xosé Tobío Mayo "Conroa", estaba preparada para a súa publicación na Editorial Nós no ano 1936. Veu á luz 73 anos despois da man da Editorial Galaxia respetando a transcripción mecanografada que o propio autor realizou nos anos 60.

0 comments: